A FPG quere amosar a súa repulsa e indignación diante das detencións dos dirixentes políticos abertzales acontecidas o pasado día 13 de outubro por orde do xuíz Garzón. Ao mesmo tempo solidarizase cos e coas detidas e reclama a posta inmediata en liberdade dos que aínda permanecen na cadea.
Ora ben, non debemos esquecer que desta vez os aparellos represivos do Estado pegaron un salto cualitativo que reviste de maior gravidade se cadra os feitos: a ocupación de locais da Central Sindical LAB, o que supón unha irrupción fascista nas dinámicas da vida sindical e autoorganizativa da clase obreira basca, e un intento de criminalización do sindicalismo nacional e de clase basco.
Non pode pasar desapercibido o novo intento do Estado español por evitar unha resolución política do conflito basco. Así, parece claro que as e os detidos son acusados de pretender facer política a través da conformación dun novo proxecto que tiña a intención de lanzar unha nova oferta política para tentar chegar a unha resolución positiva do conflito.
A resposta do goberno do PSOE (animado pola “sede de sangue” do PP), xa anunciada meses atrás por Rubalcaba, é a detención dunha presunta nova dirección política da esquerda abertzale. Opción política prohibida e perseguida no mal chamado Estado de Dereito Español, que persigue e encadea “cidadáns” que fan política, que organizan partidos políticos, organizacións xuvenís, culturais, sindicais ou de calquera signo, e que están condenados de antemán a súa ilegalización e prohibición.
A nosa solidariedade internacionalista está da banda de tod@s elas/es. A FPG non pode permanecer silente, por iso desde o noso Partido esiximos a inmediata posta en liberdade sen cargos dos detidos e detidas e por iso esiximos novamente o fin do Estado de Excepción en Euskal Herria.
Liberdade incondicional para os detidos!
Gora Euskal Herria Askatuta!
Viva Galiza Ceibe!