Alá van 5 anos, ou 60 meses, ou 260 semanas, desde a
constitución formal de ADIANTE. Durante estes cinco anos
de actividade da nosa Organización estivemos, sobre todo,
a afortalar unha estrutura estábel, nun constante proceso
dialéctico, de cara a sentar as bases dunha Organización
máis forte e dinámica no futuro. Tamén participamos
activamente noutras frontes da loita dentro de colectivos e
organizacións como a cultural Redes Escarlata, a sindical
Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras de Galiza
(CUT), a estudantil Grupo Revolucionario de Estudantes
Independentistas (GREI), a Mesa pola Normalización
Lingüística (MNL), as veciñais dos Foros Sociais ou a
feminista Marcha Mundial das Mulleres (MMM), levando de
fronte, dentro delas, a nosa postura independentista,
revolucionaria e de clase. Cinco anos cara adiante. E moitos
máis que virán, por moito que incomode a tantos. Iso é
bo.
Mais realmente a traxectoria de ADIANTE vén de antes. E
non só porque as mozas e mozos que constituíron a nosa
Organización levasen sobre as súas costas unha longa
experiencia no activismo xuvenil, estudantil, sindical e
asociativo, senón porque o abrollo de ADIANTE vén da
véspera do Día da Patria de 2003, cando un grupo de
persoas, con militancia política ou sen ela, comezaron a
se reunir en asembleas abertas para debater sobre como
encamiñar organizativamente todas as súas inquedanzas.
Unhas inquedanzas que proviñan da loita contra a LOU e o
Informe Bricall, contra as guerras imperialistas contra os
pobos de Irak ou Afganistán, das folgas xerais de 2000 e
2001, da oposición frontal á fascista Lei de Partidos,
das loitas polo desastre nacional do Prestige. E moitas
máis.
Todas estas inquedanzas, todas estas mans e cabezas,
conflúen o 9 de Outubro de 2004 en Compostela, onde co
lema O futuro é noso! se celebra a Asemblea Nacional
Constituínte de ADIANTE (MRG).
Os primeiros pasos de ADIANTE (MRG) foron moi activos, sobre
todo nos eidos do internacionalismo, do feminismo e da loita
obreira. Dende cedo, a nosa organización é recoñecida
e conta con voz propia en foros como as Bases Democráticas
Galegas ou a Plataforma contra a Constitución europea.
Este recoñecemento tamén atinxe ao eido internacional
con encontros co independetismo xuvenil de países como
Euskal Herria ou os Països Cataláns, e coa presenza de
ADIANTE (MRG) en calidade de delegación galega en citas
como a Trobada Internacionalista de Quatretonda (PPCC), o
Festival de Villalar ou o Festival de apoio a Cuba e
Venezuela en Salamanca (Castela).
Tampouco tarda moito ADIANTE en aparecer nas listas negras
dos aparellos represivos do Estado, poñéndonos, sobre
todo a Garda Civil, no seu punto de mira xunto con outras
organizacións políticas, xuvenís, sindicais ou
estudantís da esquerda independentista. A nosa resposta:
seguir a loita.
Un ano despois da nosa fundación aparece o noso voceiro
nacional, a revista EMBATE. Cunha periodicidade trimestral,
poucas veces alterada, a revista pronto se converte nun
referente da prensa xuvenil independentista galega, con
reportaxes de actualidade, entrevistas internacionais e
artigos de opinión de grande calidade.
Aínda así, no ecuador deste lustro de loita, ADIANTE
(MRG) sofre unha crise. E é que con case tres anos de
traxectoria, a militancia de ADIANTE (MRG) non consegue
baixar a media de idade, as comarcas organizadas seguen a
ser as mesmas, pérdese militancia na Terra por mor da
emigración por traballo e/ou estudos, márcanse
obxectivos demasiado elevados e as espectativas iniciais
vense defraudadas.
É así que, coa negra sombra da autodisolución
sobrevoando as nosas estruturas, ADIANTE (MRG) vese na
obriga de celebrar o seu segundo Plenario Nacional para dar
un novo pulo á organización xuvenil. A I Conferencia
Nacional de ADIANTE (MRG) celébrase en Cangas do Morrazo
en Novembro de 2007 co lema Un novo rumbo.
Neste plenario, córtanse de raíz as tentacións
liquidacionistas, faise a necesaria autocrítica,
procúranse solucións a curto e medio prazo e
afiánzanse os lazos co partido comunista e independentista
galego, lanzando á Frente Popular Galega unha proposta de
Convenio de Libre Vinculación.
Pouco a pouco, os resultados van chegando e ADIANTE (MRG)
consegue ir despegando de novo. Maior presenza na rúa,
máis modestia nos obxectivos, contacto continuo coas bases
simpatizantes, orixinalidade na propaganda… son algunhas
das receitas aplicadas tras o vital segundo Plenario.
ADIANTE (MRG) aumenta a súa militancia e rebaixa a media
de idade da mesma, volve a ter traballo activo sectorial e
referencialidade internacional.
A mediados de 2008, ADIANTE (MRG) xa está medianamente
consolidada e decide convocar o seu terceiro Plenario
Nacional. Tras uns meses preparando os textos de debate, o
20 de decembro ADIANTE (MRG) celebra a súa II Asembea
Nacional en Cangas do Morrazo co lema A mocidade comunista
pola independencia de Galiza. Neste novo plenario decídese
un novo programa táctico, adóptase o marxismo-leninismo
como facho principal do noso accionar, renóvase a
dirección da organización e culmínase a fusión de
ADIANTE (MRG) co Grupo Revolucionario de Estudantes
Independentistas, dando lugar a ADIANTE, a secas, como
organización que unifica o traballo xuvenil, estudantil e
obreiro dun xeito global.
No ano 2009, alén de apoiar as campañas electorais da
FPG e Iniciativa Internacionalista, prestamos máis
atención á formación interna e ao debate. Durante o
próximo 2010 adicarémonos mais á propaganda e á
expansión organizativa desenvolvendo a nosa nova campaña
nacional. En próximos meses o noso obxectivo será
organizar a máis mozas e mozos, chegar a novos lugares e
dinamizar máis sectores, co obxectivo fundamental de dotar
á mocidade galega dun futuro de liberdade e democracia,
así como formar revolucionarias/os para a loita pola
independencia. Non esquecemos as verbas de Mao “Como
xulgar se un/ha moza/o é revolucionaria/o? Como
discernilo? Só hai un criterio: se está disposto a se
fundir, e se funde na práctica, coas grandes masas
obreiras e labregas. É revolucionari@ se o quere facer e o
fai; doutro xeito é non-revolucionaria/o ou
contrarrevolucionaria/o”.
É así que ADIANTE chega aos seus cinco anos de
traxectoria. Cinco anos de resistencia e ofensiva xuvenil
contra a nosa existencia colonial, contra o sistema da
desigualdade social. Cinco anos que ADIANTE celebrará o
vindeiro sábado 19 de Decembro na cidade de Compostela, no
Restaurante Triacastela (Rúa Triacastela, Avenida de Lugo)
a partires das 20:00 horas cun acto político seguido dunha
cea de confraternización e dunha foliada popular.
O acto político dará inicio ás 20:00 horas da noite no
mesmo Triacastela coas intervencións de Mariano Abalo
(Secretario Xeral da FPG), Ricardo Castro (Secretario Xeral
da CUT) e un/ha representante de ADIANTE. De seguido, unha
cea-convivio que reagrupará á militancia de ADIANTE,
compañeiros e compañeiras da FPG, das Redes Escarlata e
da CUT, ex-militantes de ADIANTE, colaboradores,
colaboradoras e unha chea de amigos e amigas.
Un pequeno día de festa para iniciarmos moitos máis
días de loita.
Viva ADIANTE e o independentismo de clase!!
Adiante