Diário Liberdade - A central nacionalista galega CIG convoca mobilizaçons nesta quinta contra as reduçons salariais impostas às empregadas e empregados públicos.
Primícia do Diário Liberdade
O Diário Liberdade foi o primeiro meio a informar desta convocatória em solitário, graças a fontes directas da Executiva Nacional da central nacionalista. A convocatória inclui sete concentraçons nas principais comarcas urbanas da Galiza, após a ruptura de conversas com CCOO e UGT (as centrais espanholas) para umha dinámica mobilizadora unitária.
As mobilizaçons querem contestar as medidas antissociais do governo espanhol do PSOE, nomeadamente a reduçom de salários e os ataques ao emprego e aos serviços públicos, incluídos no último pacote apresentado polo executivo de Zapatero.
Num comunicado, a CIG denuncia que as outras centrais nom querem convocar com ela, o que obrigaria a CIG a realizar umha convocatória em solitário como a desta quinta-feira, que terá continuidade nas próximas semanas com novas mobilizaçons.
As seguintes convocatórias serám nos dias 2 e 8 de Junho, a primeira nos centros de trabalho e a segunda com umha greve na funçom pública.
As mobilizaçons desta quinta, marcadas todas elas para as 19 horas, som as que se seguem:
Compostela: Praça do Toural.
Corunha: Delegaçom do Governo espanhol.
Lugo: Subdelegaçom do Governo espanhol.
Ourense: Subdelegaçom de Governo espanhol.
Vigo: R/do Príncipe.
Ponte Vedra: Subdelegaçom do Governo espanhol.
Ferrol: Edifício Administrativo da Junta da Galiza.
Reproduzimos a seguir o texto da convocatória da CIG, em que explica o acontecido nas reunions de ontem com os outros sindicatos maioritários.
Mobilízate contra as medidas antisociais e inxustas anunciadas polo goberno!
En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos
Ante o anuncio feito polo presidente do goberno español, Sr. Zapatero, de levar a cabo medidas antisociais e rebaixar nun 5% os salarios das empregadas/os públicos, na CIG confirmamos ‚unha vez máis, que esta era unha das medidas que se ían aplicar no sector público para seguir coa campaña iniciada de precarización e desprestixio do servizos públicos, e a xustificación perfecta para tomar medidas cada día máis regresivas no eido laboral.
Ante a gravidade destes feitos, desde a CIG, unha vez que tivemos coñecemento disto, convocamos a todas as organización sindicais para que en pé de igualdade elaborásemos un calendario de mobilizacións co obxectivo de parar as medidas impulsadas polo goberno español.
As organización sindicais CCOO, UGT e CSIF non asistiron a reunión feita pola CIG, convocándonos, con posterioridade, a unha reunión que, a pesares de eles non ter asistido a nosa, acudimos a ela.
O día 18 de maio, ás 16,30hs, iniciase a reunión das organización sindicais , desde a CIG, e sendo respectuosas/os co calendario de mobilizacións que eles tiñan convocados en todo o Estado Español, malia non ter contado con nos para nada, propoñémoslle ampliar esta calendario, dando participación nas mobilizacións as/os traballadoras/es , e que o calendario de mobilizacións non se convertera , unha vez máis, en medidas cara a galería
para lavar a súa imaxe.
Despois de transcorridas 3 horas de reunión acadamos un acordo de calendario, onde a CIG en aras á unidade sindical deixamos para unha posterior reunión o resto de mobilizacións, que cremos debemos levar a cabo para parar a medidas do goberno. O calendario pactado contiña as seguintes medidas:
- Concentracións, ás 7 da tarde, o día 20 de maio nas sete cidades galegas chamando á participación das/os traballadoras.
- Anuncio da convocatoria de folga o día 8 de xuño.
- Comunicado conxunta das organización sindicais convocantes anunciando as mobilizacións acordadas.
- Manter unha próxima reunión o día 24 de maio,ás 16hs , xa que o día 20 de maio está convocada a Mesa Xeral da Función Pública en Madrid. Este día coñeceremos o alcance das medidas.
Como CIG insistimos perante as organización sindicais que se o día 20 o goberno mantén as medidas anuncia das deberíamos recrudecer as mobilizacións, facendo un calendario conxunto.
Ás 9 da noite, e transcorridas máis de 4,30hs de reunión, as organización sindicais CCOO, CSIF e UGT, comunícannos que non queren manter a unidade sindical coa CIG, que se desdín do acordado entre todas as organización e que eles van seguir co seu calendario.
Ante esta situación como CIG lles transmitimos que ante todo e entre persoas adultas hai que ter un mínimo de decencia e de vergoña. Se a súa intención e non pactar un calendario coa CIG, podíanolo dicir antes.
A valoración que facemos disto é:
A CIG neste momento é una organización sindical incomoda para CCOO, UGT e CSIF. xa que o único que pretenden é dar una imaxe cara as/os traballadoras/es de que van a convocar mobilizacións para parar as medidas do goberno, mentres os seu dirixentes pactan en Madrid co goberno as devanditas medidas. Lamentamos que non estiveran dispostos a aceptar a unidade sindical para paralizar as medidas do goberno e encamiñar as mobilizacións cara a unha convocatoria dunha folga xeral extensiva a todos os sectores, dado o carácter regresivo e antisocial e non limitarse unicamente á área pública.
Como poden xustificar CCOO e UGT a continuación da mesa de «Diálogo Social» mentres a clase traballadora está a recibir recortes gravísimos e está anunciando unha reforma laborla que provoca baratar o despedimento, flexibilizar e precarizar aínda máis o mercado laboral?
Non abonda, polo tanto, a non ser que exclusivamente se pretenda cubrir o expedientete, fixar só un día de folga e non ter en perspectiva a convocatoria dunha folga xeral, única
maneira de frear as políticas neoliberais deseñadas polo goberno Zapatero para que os traballadores/as paguemos unha crise que non orixinamos e cuxos causantes continúan acumulando riqueza e dirixen a política económica dos estados, é dicir, o capital financieiro especulativo dun neoliberalismo extremo. Se non paramos isto non só rebaixarán os nosos salarios, desaparecerá o emprego público e os servizo públicos continuarán deterriorándose, senón que será o preludio de recortes laborais a todos/as traballadores/as e de maiores recortes sociais.
Neste momento as/os traballadoras/es públicos somos a moeda de cambio de CCOO, UGT e CSIF para conquerir do goberno medidas que non sabemos a que van a beneficiar.
A CIG seguirá adiante co seu calendario de mobilizacións, informando puntualmente a toas/os das medidas que pretende adoptar o goberno, ase mesmo informaremos do que acontece na Mesa Xeral da Función Pública en Madrid, convocada para o día 20, para que todo o persoal coa información suficiente poida tomar as súas decisións.
Non te deixes enganar por quen una vez máis antepón os seu interese aos interese das traballadoras/es. Que estraños intereses teñen para que a presenza
da CIG lles moleste tanto.
Mobilízate contra as medidas antisociais e inxustas anunciadas polo goberno!
En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos
- Día 20 de maio ás 19 h, concentracións nas sete cidades:
- Concentración diante da Delegación do Goberno (A Coruña) o día que se debata nas Cortes o decreto lei.
- Día 2 de xuño, concentracións diante de diferentes centros de traballo.
- Día 8 de xuño, folga e manifestación en toda a área pública