OVieiros – xuíz tamén lles impón multas por lesións e danos. Mentres, xunto con outros 11 acusados, foron absoltos do delito de desorde pública.
O Xulgado do Penal número 2 de Vigo condenou a dous traballadores a ano e seis meses de cadea por un delito de atentado contra un policía, durante a carga do 8 de maio de 2006, no contexto da folga do metal. Foi parte da sentenza no procedemento seguido contra 13 traballadores acusados de desorde pública no transcurso daquelas manifestacións.
Ademais, no auto, o xuíz condénaos por unha falta de lesións a unha multa de 240 euros e por un delito de danos a 2.920 euros e a 1.680 euros, respectivamente. Ademais, estes dous acusados, ambos afiliados da CIG, terán que pagar cada un unha treceava parte das costas xudiciais. Doutra banda, un terceiro acusado, traballador non afiliado a sindicato ningún, deberá pagar outra multa de 160 euros por unha falta de danos e 330 euros por responsabilidade civil.
A sentenza tamén absolve a estes tres traballadores e a outros 10 acusados dun delito de desorde pública, ao entender que o enfrontamento cos axentes, no que se lanzaron pedras a furgóns, non tiña como finalidade rachar coa paz social e o xuíz entende que se produciron no contexto dunha carga policial.
O responsábel de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, anunciou que o sindicato recorrerá a sentenza para que os tres acusados que non quedaron absoltos reciban o mesmo trato que os seus compañeiros. Considerou que a resolución é «inxusta», porque «non existen probas suficientes que sustenten a condena» e porque se actuou de diferente xeito con uns e outros acusados: «só se condena a un de cada grupo, aínda que todos actuaron en conxunto», explicou.