Sentemos as bases para alicerzar novos avanzos da causa nacional galega
Hai trinta e cinco anos a policia española asasinaba en Ferrol a Xosé Ramón Reboiras Noia, militante nacionalista que personifica non só a entrega e a coraxe na defensa da causa do Pobo Traballador Galego, senón algo que ten moita máis trascendéncia para coa situación actual: Reboiras foi unha das persoas que máis contribuiu para a construción dun nacionalismo sustentado nas clases populares, que centraba o seu discurso na inseparábel ligazón entre a emancipación nacional e a emancipación social, as duas caras dunha mesma moeda.
Hoxe é máis necesário que nunca reivindicarmos esta ligazón, ausente xa no discurso do nacionalismo maioritário representado pola dirección do BNG. Renovar neste momento a aposta pola via estatutária, cando a sentenza sobre o Estatut de Catalunya ven de confirmar que o Estado non vai facer cesión algunha de soberania, significa moito máis que un erro táctico: significa renunciar de facto a soster un pulso estratéxico co Estado pola soberania porque iso require da acumulación de forzas, da construción dun contra-poder nacional que implica necesáriamente apoiar-se nas clases traballadoras.
Un novo estatuto non resolverá nengún dos problemas da Galiza, porque máis competáncias non significa máis poder real de decisión. A administración autonómica xa dispón, por exemplo, de competéncias exclusivas en agricultura, mais nen esta administración nen outra poderia evitar a reforma da PAC que, no vindeiro ano, asestará un novo golpe aos/ás produtores/as galegos/as. O marco xurídico-político imperante impide planificar un desenvolvemento económico auto-centrado e orientado cara os intereses da maioria social. A única alternativa é supera-lo.
Desde o MpB acreditamos en que a tarefa máis importante do momento actual é a de acumular forzas en torno a un polo soberanista e de esquerdas, un polo de combativo que sexa quen de aglutinar unha masa social para a liberación nacional. Nun momento no que a ofensiva do proceso de nacionalización español xunto coa ofensiva do Capital por recuperar valor real para a sua especulación están a bater a fondo nos alicerces mesmos da Nación e da clase traballadora organizada, sermos capaces de sumar esforzos para este polo é unha cuestión de supervivéncia.
Os intereses da clase traballadora non podén ficar subordinados aos da mesocrácia nacional. Á nosa clase en nada lle vai a favorecer “superar” a crise ou “saír” dela; o que precisamos superar é o modelo sócio-económico actual, superar e derrotar o capitalismo e a autoorganización xoga aquí un papel fulcral. É imprescindíbel que ese polo do que estamos a falar aglutine tamén este tipo de demandas. A soberania ten de servir en primeiro lugar para cambiar de modelo. O território e os recursos da Galiza están a ser expoliados para soster un sistema criminal e perxudicial para a maioría. Ordena-los e desenvolve-los en función de lóxicas diametralmente opostas ás do Capital é o primeiro ponto do programa de liberación nacional.
Neste senso a convocatória de Folga Xeral para o 29 de Setembro é a primeira oportunidade para organizarmos as solucións das que precisamos. O 29‑S ten que ser unha Folga Xeral Nacional, o que vai moito máis alá de que exista unha convocatória diferenciada do sindicalismo nacionalista e de clase a respecto do españolismo. Unha Folga Xeral é moito máis que unha xornada de reivindicacións laborais, sobre todo neste marco, no que, aínda no mellor dos supostos, que se conseguira frear a reforma laboral aprobada polo goberno español, iso non redundaria nunha mellora das condicións de vida e de traballo. A FXN ten que servir para activar todo o amplo tecido social nacionalista e independentista en torno a dous puntos mínimos: Que a soberania nacional é imprescindíbel como primeiro paso para abordar o cámbio de modelo sócio-económico e que non precisamos de parches nen de reformas senón de enfrontarmos o Capital para derruba-lo.
Neste último ano desde o MpB entendimos como máis correcto dirixir os nosos esforzos non tanto ao traballo próprio e público como sigla política como a axudar a crear as condicións para que ese polo soberanista e de esquerdas se conforme. E neste sentido entendemos que se están a dar pasos, ás veces pequenos e lentos, mais importantes, que van no camiño de que esta vontade se converta nunha realidade material a médio prazo. Superar desconfianzas e consolidar alternativas viábeis é o traballo no imediato, e é onde se están a producir os maiores avances. Sermos capaces de que diferentes expresións organizadas da esquerda independentista se expresen conxuntamente diante de problemáticas comúns (destrución ambiental, sentenza do estatut, folga xeral, etc.), ou o resultado das mobilizacións da esquerda independentista do 25 de xullo deste ano, indican claramente que estes avances son unha realidade, e xeran expectativas e ilusións, condicións prévias e necesárias para construir algo sólido. É un camiño longo e complicado, que hai que percorrer sen presas e con pasos cortos e firmes, pero é unha travesia imprescindíbel e obrigada para que Galiza conte cunha alternativa política e social de masas válida para a sua Clase Traballadora e que defenda a sua Soberania Nacional. Ese é o noso principal traballo como MpB.
Este é o programa non só máis necesário senón tamén máis realista. Precisamente nos momentos de crise albiscamos como as solucións reformistas son as que constituen unha auténtica utopia, no senso pexorativo do termo. Acumular forzas e enfrontar os conflitos reais con alternativas. Eis o único camiño.
Co exemplo de Reboiras e de tantos homes e mulleres que entregaron o mellor da sua vida en aras de conseguir un futuro de dignidade e prosperidade, un novo modelo económico e social de xustiza e igualdade, en definitiva, unha Galiza ceibe e socialista, recollemos a inspiración necesária para colller o facho e proclamar que non nos renderemos porque existen máis motivos que nunca para loitar, seguiremos avanzando.
Viva Galiza Ceibe e Socialista!