Galicia Confidencial – O empresario d’A Peneira culpa a Xunta e mesmo aos redactores dos despedimentos, mentres os asalariados, que marchan con 6 meses sen cobrar, cualifican a súa actitude de «humillante».
A crise, a caída do bipartito e a falta de apoio das institucións pódense levar por diante a práctica totalidade dos medios escritos en galego. Despois da desaparición dos dixitais Vieiros e Chuza! agora é a A Peneira quen atravesa unha complicada situación.
A CIG denunciou que o empresario despediu aos seus tres redactores tras telos traballando seis meses sen cobrar. O mesmo sufriron varios colaboradores da cabeceira comarcal. Os asalariados levaron os despedimentos ao xulgado pois ao seu entender non son obxectivos. Os xornalistas aseguran que a empresa contratou a novos informadores para os novos números. Os asalariados cualifican de «lamentábel e humillante» a postura do seu empregador.
Guillermo Rodríguez contestou ao comunicado sindical coa insólita estratexia de tentar culpar aos propios redactores, alegando que os traballadores nunca pediron reducir os seus soldos, malia saber da mala situación económica da empresa. O empresario asegura que non contratou a ninguén, senón que está a sacar os novos números co traballo e os investimentos da súa familia.
Rodríguez láiase da caída da publicidade co cambio de Goberno na Xunta e argumenta que segue co proxecto para cobrar as subvencións do Goberno para os medios 100% en galego, axudas que o Executivo reduciu este ano mentres mantivo os convenios a dedo para os grandes medios principalmente en castelán.
A edición xeral de Galicia da cabeceira en internet xa non funciona. De non lograr Rodríguez manter A Peneira, o panorama de medios impresos de certa difusión en toda Galicia reduciríase ao Galicia Hoxe, propiedade do Grupo Correo Gallego, de Luns a Venres, gratuíto de El Progreso, e A Nosa Terra, propiedade da construtora San José, tamén editora do bilingüe Xornal de Galicia. A viabilidade a curto prazo da histórica ANT tamén se cuestionou tras denunciar a CIG a «mala xestión» da empresa e os continuos atrasos no abono dos salarios.