Galiza –
CIG – Fai um chamamento às organizaçons sindicais a fazer a convocatória de forma conjunta e alerta que, “ou continuamos com esta resposta social ou nom temos saída nengumha”.
Á Executiva Confederal da CIG acordou, na súa xuntanza do pasado venres, promover unha nova convocatoria de greve xeral para a primeira quincena de xuño. Así o anunciou o secretario xeral, Suso Seixo, esta mañá en rolda de prensa, considerando que estamos nun momento “determinante” por mor das “inxustas políticas” que está impoñendo o Partido Popular, con recortes en Educación, recortes en Ensino e a imposición dunha reforma laboral que lonxe de promover a creación de emprego, busca precarizar as condicións laborais e que, polo tanto, debe ser retirada.
O secretario xeral da CIG explicou que ante a actitude que está mantendo o Partido Popular, de “absoluto desprezo” ás demandas das miles e miles de persoas que participaron na greve xeral e nas masivas mobilizacións convocadas o pasado 29 de marzo e ante os graves recortes que está a pór en marcha o goberno e que afectan fundamentalmente á Sanidade e o Ensino públicos, “as organizacións sindicais tiñamos que estar convocando outra greve xeral”.
Por iso anunciou que a CIG porase en contacto coas organizacións sindicais bascas e con CCOO e UGT, fundamentalmente, para promover unha nova convocatoria para a primeira quincena de xuño na que, explicou, “é fundamental que esteamos todos”, para garantir un seguimento tan masivo ou maior ao que se deu o 29 de marzo.
Para o secretario xeral da CIG, os sistemáticos incumprimento dos compromisos adquiridos polo PP durante a campaña deberían levar a “cuestionar se o goberno pode continuar ou hai que exixir a súa dimisión e a convocatoria de eleccións para elixir novos representantes que gobernen en función dos intereses da poboación e non en función dos intereses da banca”.
Primeiro de Maio
As primeiras mobilizacións antes desa convocatoria son as do Primeiro de Maio, baixo os lemas “Por emprego digno, non á reforma laboral do PP” e “En defensa do ensino e da sanidade públicos”.
Co primeiro lema maniféstase novamente o rexeitamento á reforma laboral, que non supón a creación de emprego e que unicamente persegue unha redución dos salarios entre o 20 e o 25%, pola vía de “desregular, individualizar e precarizar as condicións de traballo”. Neste sentido, o secretario xeral da CIG afirmou que a reforma “non crea emprego, o que fai é substituír, no mellor dos casos, emprego fixo por emprego precario”.
Respecto do segundo lema, a central sindical pretende denunciar a política de recortes en servizos públicos básicos e os ataques ao ensino e á sanidade públicos. “O incremento de alumnos por aula ‑30 en infantil e 36 en secundaria‑, vai empeorar a calidade do ensino e destruír da orde de 2.000 postos de traballo, que se suman aos 2.500 xa destruídos desde 2009”, dixo. “Fronte a isto, non se toca nos concertos educativos”, denunciou.
Canto á sanidade, denunciou a medida de copago farmacéutico que vén de impor o PP, que “prexudica aos máis desfavorecidos, sobre todo aos pensionistas, e ás persoas asalariadas”, afirmou, “en lugar de buscar unha boa xestión dos recursos”.
Xunto a isto, advertiu da “incógnita” respecto do que vai pasar cos servizos sanitarios básicos e se se terminará pagando ou non pola atención sanitaria. Denunciou que o estado español gasta un 6,5 % do PIB en saúde, por debaixo da media europea, e afirmou que “debería de falarse de incrementar o gasto, no canto de falar de recortes”.